Que foi da dislexia?


Leo hoxe nunha entrada do facebook que as autoridades médicas dos Estados Unidos alertan da proliferación de casos de TDAH (Transtorno de Déficit Atencional asociado á Hiperactividade) nos últimos anos. Chega o aviso nun momento en que eu xa andaba a ficar abraiado do que ten proliferado este síndrome polos eidos onde traballo. Coñezo unha aula onde máis dun 30% do alumnado está diagnosticado - e tratado farmacolóxicamente - de tal enfermidade!

En maio do pasado ano estudei un informe - moi detallado e tamén moi contundente nas súas conclusións - das autoridades sanitarias do País Vasco sobre o mesmo asunto, que fai fincapé na escalofriante escalada do uso de psicoestimulantes na poboación infantil e xuvenil e as perigosas relacións entre este incremento e a influencia da industria farmaceutica.

Comentei estas observacións cun profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, bo coñecedor tamén da evolución destes fármacos nos Estados Unidos, por ver se era cousa miña ou ben este significativo aumento de casos podería ser alarmante. Contoume o caso dunha persoa do seu entorno familiar, unha docente, que lle fixera a mesma observación. El fíxolle a seguinte pregunta:

- E verdade que xa case non hai disléxicos?

Ao que esta profesora, despois duns intres de reflexión - os mesmos aos que me levou a min a devandita pregunta - contestou que si, que efectivamente xa había un bo tempo que non se daban casos de dislexia no seu centro.

Como se explica isto? Será que estes transtornos van por refachos? Funcianarán como as antigas pestes, andacios que medran por contaxio?

Ou serán, talvez, unha de tantas doses de papanatismo que consumimos decote nestes tempos?

Sexa o que sexa, centos, miles de pequenos da nosa comunidade están a consumir fármacos que, sen lugar a dúbidas, inflúen no seu comportamento, no seu carácter, nas súas vidas de nenos e nenas... posiblemente no seu futuro. E coma sempre, alguén debe estar a facer caixa!

Haberá que recapacitar.

Este vídeo, que xa coñezo desde hai tempo, paréceme moi suxestivo ao respecto.


Artículo sobre o informe das autoridades sanitarias estadounidenses
Informe do Departamento Vasco de Sanidade

No hay comentarios: